Noticias CPPB

A Deputación da Coruña convoca o II Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial




14/12/2017 16:46:00
O galardón está dotado con 75.000 euros e repartirase en tres categorías: mellor iniciativa nova, consolidada e socialmente responsable

A Deputación da Coruña convoca a segunda edición do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, no que se concederán tres galardóns por un importe total de 75.000 euros. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe as bases desta convocatoria, que tamén se poden consultar na páxina web emprego.dacoruna.gal/premio.

O prazo de presentación das candidaturas está aberto a partir de mañá e pechará o día 31 de xaneiro de 2018 ás 14.00 horas. Para participar, os requisitos son ter domicilio fiscal e centro de traballo nalgún dos concellos da provincia da Coruña e estar constituída como pequena, mediana empresa ou microempresa ou estar dado de alta no réxime especial de traballadores autónomos.

A participación é gratuíta e só poderá realizarse mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel da Deputación.

75.000 euros en premios

Ao igual que o ano pasado, o premio contará coas categorías de Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade, e Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, para aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade.

En ambas categorías os criterios a valorar serán a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a participación en redes de networking ou a implantación de medidas de RSC, entre outros.

Como novidade principal nesta edición, haberá unha terceira categoría, que premiará ás iniciativas empresariais socialmente responsables que contribúan ao crecemento sostible da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social. Valorase a idea de negocio e as medidas implantadas en ámbitos coma o desenvolvemento sostible, a conciliación laboral, familiar e persoal ou a promoción da igualdade de xénero, entre outros.

En cada unha destas categorías, o premio será de 25.000 euros.

Impulso ao tecido empresarial

A Deputación da Coruña convoca o Premio á Mellor Iniciativa Empresarial dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL) 2016-2019, co obxectivo de recoñecer e fomentar as iniciativas emprendedoras e o traballo das empresas na provincia.

O ano pasado, o galardón contou cunha elevada participación. Máis de 70 candidaturas concorreron ao certame, converténdose nun dos premios de referencia para as empresas coruñesas. As empresa pontesa EVASA e a start-up compostelá E-monte foron as gañadoras da pasada edición, das que o xurado destacou a súa aposta pola innovación.

As candidaturas gañadoras do II Premio daranse a coñecer no primeiro semestre do ano nun acto que presentará como novidade a habilitación dun espazo de networking no que todas as empresas candidatas poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos, e aquelas que así o desexen disporán do seu propio stand informativo.